Principios Ideolóxicos

 

Os principios ideolóxicos que han de rexer a acción política de Terra Galega son os seguintes:

 
  1. TERRA GALEGA potenciará a identidade nacional de Galicia, definindo noso país como unha comunidade diferenciada que defenda os nosos intereses históricos, culturais, lingüísticos, económicos en pé de igualdade e equilibrio con outros pobos do Estado español, de Europa e do mundo.
  2. TERRA GALEGA defínese como unha forza política democrática, galeguista, dentro do marco da Constitución e do Estatuto da Autonomía, na súa capacidade de unificar nunha soa dirección a forza máis xenuína dos pobos que se organizan dende abaixo, con plena conciencia de responsabilidade compartida. Centrista na búsqueda dos consensos. Progresista nos seus posicionamentos estratéxicos cara o desenvolvemento da nosa sociedade.
  3. TERRA GALEGA é un partido que defende a autonomía local, no marco da cooperación e solidaridade para o desenvolvemento de Galicia.
  4. TERRA GALEGA asume un concepto de ecoloxismo racional, moderno e imaxinativo que harmonice o progreso económico da nosa terra co mantemento da riqueza do medio natural galego e a calidade de vida dos nosos cidadáns e cidadás.
  5. TERRA GALEGA defende as liberdades individuais e colectivas nunha sociedade inspirada nos valores da solidariedade e igualdade dos homes e mulleres con todos os dereitos ao traballo, educación, saúde, vivenda, e servizos sociais sen discriminacións ideolóxicas, sexistas, racistas ou de calquera outro tipo.
  6. TERRA GALEGA outorga ao sector público galego peso prioritario en aspectos fundamentais para a sociedade galega,como a sanidade e a educación que deben orientarse á consecución dunha orde social máis xusta e solidaria para asegurar a todos os cidadáns unhas condicións de vida dignas.
  7. TERRA GALEGA desexa implantar unha organización administrativa moderna e eficaz, que rompa a actual dicotomía inxusta entre a Galicia urbana e a rural, de comarcas prósperas e pobres que marcan diferenzas que compre superar.
  8. TERRA GALEGA aposta por vertebrar unha sociedade de economía produtiva e competitiva, sostible, que incentive o esforzo e a creatividade para xerar riqueza e emprego, consolidando un entorno fiscal e laboral que favoreza novas iniciativas empresariais e da defensa das xustas reivindicacións dos traballadores/as e desenvolvemento das que existen para consolidar e fortalecer o estado do benestar.
  9. TERRA GALEGA traballa por unha sociedade máis xusta, solidaria e libre entendendo a política coma un exercicio de servizo as persoas.

 

Son fins do Partido:

  • A defensa da identidade de Galicia e dos seus intereses.
  • A mellora da sociedade e o crecemento do benestar mediante a implantación de cuotas crecentes de xustiza, liberdade e solidariedade.
  • O impulso do senso progresista da Política exercida con fórmulas moderadas de instrumentación de obxectivos e da convivencia.
  • Consideración e tratamento socioeconómico de Galicia como “Provincia única”.