"As próximas Eleccions Municipais no 2015 serán clave para os municipios", Natalia Hermida da Dirección Nacional de Terra Galega

"As próximas Eleccions Municipais no 2015 serán clave para os municipios", Natalia Hermida da Dirección Nacional de Terra Galega

"Cando tentan asoballar a Narón e non o tratan igual que a outros concellos: están desprezando aos nosos veciños e veciñas. Nós non o imos a consentir! Como di o refrán: a cada un, o seu"

TEGA: Como afronta Natalia Hermida as vindeiras Eleccións Municipais 2015 dentro da candidatura de TEGA por Narón? Con que expectativas chegas a estes novos comicios?   

Natalia Hermida: Con moitisima ilusión por continuar traballando para o meu concello. Para min será a terceira lexislatura xa: ao longo de oito anos como concelleira adquirín experiencia e moitos coñecementos en diversas áreas do concello, feito que me parece importantísimo. Canto máis coñeces sobre as dificultades, necesidades e problemáticas de cada área mellor xestión podes facer.

Para min este é un bo momento, no que conxugo experiencia, coñecemento e moitas ganas de seguir traballando pola continuidade dun proxecto que comezou hai 34 anos xa, con Unidade por Narón (hoxe Terra Galega) e que demostrou que outro Narón era posible. Por eso sigo firme no meu compromiso co proxecto de Terra Galega en Narón.

Non teño máis expectativas que as de manter a confianza da xente de Narón para seguir adiante co noso proxecto e non defraudar a ninguén. Traballar con honestidade e humildade, facéndoo sempre o mellor posible para que Naron siga medrando en servizos de calidade, sobre todo pensando sempre nos nosos veciños e veciñas. As próximas eleccions municipais no 2015 seran clave para os municipios. 

TEGA: A candidatura presentada pola nosa organización no Concello de Narón para as Municipais 2015, está bastante igualada en canto ao número de homes e mulleres presentad@s (10 mulleres e 13 homes). Esta paridade, é buscada? Cal é a posición do partido en canto a este tema  sobre a igualdade?

Natalia Hermida: Non só é buscada senón que é necesaria. A incorporación das mulleres ao ámbito publico (laboral, social, político, económico, etc...), a consecución de cotas de independencia, de autorrealización e o cuestionamento dos modelos imperantes, están sendo os facilitadores dos grandes cambios experimentados nos últimos tempos no sistema de valores e crenzas. Estes modelos asignan papeis e funcións diferentes a mulleres e homes, condicionando os comportamentos das persoas que conformamos a sociedade en función destes paradigmas e non das eleccións ou desexos persoais de cada quen.

A loita das mulleres pola igualdade vai acadando novos fitos e avances nas leis e normativas, que melloran a nosa vida permitindo o cambio de estruturas e a conquista de dereitos básicos.

TEGA: En Narón apostades si ou si polo deporte, e sobre todo polo deporte de base. Como se xestiona una Concellería de Deportes nun concello de máis de 40000 habitantes? 

Natalia Hermida: Pois nestes momentos con moita prudencia e priorizando moito as necesidades. Estes últimos anos, os ingresos dos concellos en xeral víronse moi mermados, sobre todo polas licenzas de obra, negocios, transferencias doutras administracions, etc...

A pesar de todo, Narón tivo un orzamento en Deportes no ano 2014 de 1.934.504 €, prácticamente igual ao dos anos 2013 e 2012. En convenios deportivos con clubs fixemos un investimento total de 307.500 €.

Nas Escolas Deportivas Municipais contamos con 29 técnicos deportivos, cada tempada increméntase o número de usuarios, mantemos 14 instalacions deportivas sen contar pistas exteriores multideporte, existen un total de 63 clubs con actividade diaria...

TEGA: Parece fundamental contar cunha boa rede de asociacións e entidades, e ademais saber como chegar a ellas e comunicarse fluidamente, non?

Natalia Hermida: Dende logo que a rede que conforman as asociacións, os clubs e outras entidades sociais son importantísimas. Dende Terra Galega non entenderiamos sacar un concello adiante sen traballar diariamente man a man con elas. As entidades socias son as que nos fan chegar en moitas ocasions ás problemáticas reais nos diferentes sectores, parroquias ou barrios ou dun determinado colectivo. Sen esquecer o valiosísimo traballo que desenvolven no eido social cultural e deportivo. De feito, Narón foi pioneiro en implicar aos veciños e veciñas nos Padroado de Cultura e de Deportes, entidades que están formadas por representantes de organizacións culturais e deportivas ademais dos grupos politicos. Sen todas elas Narón non tería acadado o crecemento deste últimos 20 anos, de feito, as listas de Terra Galega sempre a forman xente que estivo implicada no movemento social e que nalgún momento traballou polos seus veciños e veciñas. Para nós é imprescindible esa experiencia e esa entrega.

TEGA: Que partes do programa das anteriores eleccións se cumpriron durante esta lexislatura en materia deportiva?

Natalia Hermida: Narón sigue a incorporar cada vez máis deporte na vida das persoas. Dende a xente más nova ata as persoas maiores estamos incrementando o número de usos deportivos e incrementando o número de usuarios e de deportistas.

Para nós o deporte supón algo máis que a competición: mellorar en calidade de vida e adquirir hábitos de vida saudable. Este é sempre un dos nosos obxectivos fundamentais: ano tras ano estase a cumprir. Narón é hoxe un referente en activación física, a través de moitos programas transversais dirixidos a todalas idades.

Outro dos nosos compromisos foi o de manter os convenios deportivos con 15 clubs para a promoción do deporte de base, incluso os imos ampliar a 17 convenios para o ano 2015, aumentando o orzamento destinado a estes temas...

Por outra banda, fixemos unha inversión importantísima en Deportes, como foi a realizada no Pavillón de A Solaina, que se puxo en funcionamento a finais do 2013, e que actualmente está dando un servizo fundamental ao colexio e aos clubs.

A nivel deportivo o apoio do Concello de Narón aos clubs ó longo de tantos anos está dando importantes triunfos aos nosos deportistas e aos nosos clubs, acadando infinidade de campionatos galegos, campionatos de liga, ascensos, campións e subcampións de España, algún campión do Mundo... Aínda asi o que mais destacaría dos clubs é o traballo social que desenvolven tódolos días con centos de nenos e nenas. A verdade é que é admirable. 

TEGA: A xestión das axudas da Deputación da Coruña acarreou consecuencias nefastas para a maioría das entidades deportivas de Narón. Pensades que foi unha actuación premeditada para favorecer a certas entidades máis afíns á corrente política dominante na Deputación? En que punto están as relacións coa Deputación?

Natalia Hermida: Sen dúbida, o que esta a pasar coa Deputación provincial da Coruña é un escándalo. O Partido Popular está utilizando unha admistracion pública de xeito totalmente caciquil en beneficio do seu propio partido e non dos cidadáns. No ano 2012 os clubs de Narón quedaron sen subvención por parte da Deputación. A pesar de ter acadado unha puntuación técnica moi alta, quedaron fora literalmente por falta de "interese provincial" nas actividades que desenvolvían. Outros clubes coa mesma actividade e menor puntuación técnica, pertencentes a concellos gobernados polo PP acadaron subvencións moito máis importantes. Non só deixaron sen subvencións os clubes, tamén ás entidades culturais e socias.

Non contentos con iso, a finais do 2013, a Deputacion da Coruña que dispoñía de remanentes na cantidade de 18.000.000 euros, aprobou en pleno repartir eses cartos entre os concellos da Coruña, coa excepción do Concello de Narón, Oleiros...

Por certo as Deputacions son as únicas administracións públicas nas que os seus representantes non son elixidos nas urnas electorais, senón que son postos "a dedo" polos partidos políticos.

No referente ás relacións coa Deputación, son como con calquera outra administración coas que temos que entendernos e colaborar o máximo posible polo ben dos veciños e veciñas. Esta é a nosa premisa. Agora ben, cando tentan asoballar a Narón, non o tratan igual que a outros concellos, están desprezando aos nosos veciños e veciñas, e nós non o imos a consentir. Como di o refrán:” a cada un, o seu”. Non pedimos nin máis nin menos.

TEGA: De todos é coñecida a problemática actual da mocidade no referente ao alto nivel de paro, cada día perdemos máis e máis xente nova que marcha buscando traballo fóra da súa terra. Como afronta TEGA este éxodo da Mocidade? Que solucións aportades dende o Goberno Municipal? 

Natalia Hermida: Desgraciadamente as palabras son éxodo e exterminio da mocidade galega. Son palabras moi duras, pero é a realidade. Se non somos capaces de ofrecerlle un futuro á xente nova, esta será unha terra con moi pouco futuro. 

Dende TEGA o afrontamos con moitisma preocupación. A Xunta non aposta polos sectores produtivos, polo turismo, pola diversificación industrial, e a política do Goberno central está sendo demoledora. Só temos que ver calquera portal de emprego onde as ofertas laborais existentes son de contratos de entre 12 e 20 horas por semana, como moito.

Os galegos e as galegas precisamos ter máis forza no Parlamento español. Se non temos representantes capaces de defender os intereses de Galicia, máis alá dos intereses do seu partido: mal vamos! Galicia non ten peso no Parlamento, e ese é un problema moi grave.

Por outra banda, a situación económica esta afundindo á pequena e mediana empresa, que non pode prácticamente nin manterse en pé. Estannos afogando a impostos, sen estimular o consumo das familias. As familias é imposible que consuman dado o alto nivel de paro e as condicóns laborais e traballos precarios existentes. Este é un problema que trascende a calquera goberno municipal.

Dende o Concello poñemos todos os nosos recursos a disposición da mocidade, e das familias, pero só podemos actuar dentro das nosas competencias e das nosas posibilidades. Como o facemos? Dende programas de formación, convenios con centros formativos para prácticas laborais, o servizo de orientacion laboral, programas de apoio á pequena e mediana empresa, ofrecendo asesoramento xuridico e económico, programas de apoio aos emprendedores, asesoramento técnico por parte da Oficina Información Xuvenil en canto a programas de estudo, recursos dos que dispoñen, etc...

TEGA: A OMIX de Narón ten unha serie de recursos innovadores que complementan as funcións da oficina “física”, tedes un portal web propio, contades con difusión nas redes sociais,...en certa medida fúchedes pioneiros en Galicia facendo unha aposta institucional moi forte polas novas tecnoloxías da comunicación. Hoxe en día é algo máis cotiá entre outros concellos, que valoración fas deste proxecto ao longo destes anos?

Natalia Hermida: Dende logo foi un paso de xigante en canto a poder achegar a información e estar máis preto da mocidade. Ofrecemos tanto información relativa ao Concello de Narón como relativa a outras administracións e que poidan ser de interese para a nosa mocidade. Así conseguimos dar unha maior difusión da información, dunha maneira máis rápida, máis próxima, e dende logo con resultados máis efectivos.

O portal web Dameuntoke, presente nas redes sociais, é un referente para a mocidade de Narón. Aínda asi, ás veces ainda penso que seguro que hai xente que non aproveita todos os recursos que están o seu alcance por descoñecemento. Eso dame moita rabia. 

TEGA: Como representante nas listas do barrio de Freixeiro, cales son as preocupacións que te trasnmiten os veciños e veciñas da zona? 

Natalia Hermida: Máis que nada cousas relacionadas con cuestions de funcionamento diario: se hai algunha avaría no alumeado, pintado de rúas, xente que aparca mal  e sobre todo, algo que é unha constante en tódolos barrios é o problema das defecacións dos cans.

Parece mentira, pero é unha constante. Hai cuestións que son de convivencia cívica e que aínda que a policía informe constantemente aos veciños e veciñas da ordenanza, é imposible que poida estar en cada rúa un policía para dar resposta a ese problema. Trátase dunhas poucas persoas incívicas pero que con esas actitudes están afectando a moitos e xenerando un malestar entre o resto de persoas.