Entrevista a José Manuel Blanco, Alcalde de Narón: "Terra Galega ten especial interese en apoiar a Formación Laboral e o Emprego"

Terra Galega Galicia
José Manuel Blanco, Terra Galega Narón

"Este non é un bo momento para pensar en facer grandes investimentos pero si para pensar no benestar dos veciños e veciñas."

TEGA: Como influíu na túa vida persoal ter que asumir a máxima responsabilidade municipal?

José Manuel Blanco: A responsabilidade dun alcalde, coma a de calquera concelleiro e concelleira, é facer o seu traballo coa máxima eficiencia en beneficio dos seus veciños e veciñas. Neste sentido, traballar cun equipo de xente co que compartes obxectivos e responsabilidades axuda a mellorar os resultados do día a día. Lóxicamente isto require moitas horas diarias de dedicación, pero diso non se pode un queixar porque nós dedicámonos ao servizo público por vocación e non por obriga. Compatibilizar a vida privada co traballo é unha tarefa ás veces máis complexa do que un pode pensar e nisto, como en todo, procuro facelo o mellor posible e gardar tempo para a miña familia. 

TEGA: Que necesidades detectas na poboación dende a túa posición no Goberno Municipal de Narón? Que solución estamos plantexando dende TEGA para dar resposta a estas necesidades?

José Manuel Blanco: Fundamentalmente o acceso ao traballo. A  situación da comarca leva moitos anos sendo complicada, e agora o é xa en todos lados. Aínda así Narón defendeuse bastante ben nestes últimos tempos. A existencia de tres grandes áreas industriais permite que, aínda en tempos díficiles, haxa moita xente empregada. Pero con isto non chega, e neste sentido, o meu compromiso é porlle ás empresas, que son as que crean os postos de traballo, todas as facilidades para que veñan a instalarse a Narón e faciliten o acceso da xente ao mundo laboral. Paralelamente a esto incrementamos considerablemente as partidas adicadas a axudas e bonificacións para dar cobertura ao aumento de solicitudes de axudas tanto individuais como colectivas: ONGS, fundacións,...

TEGA: Nunha situación de crise como a actual, que podemos que decirlle á cidadanía? Hai algo que podamos facer entre todos?

José Manuel Blanco: Por suposto. O Concello de Narón, como institución, vai notar a crise como todo o mundo. Prevemos ter menos ingresos e, polo tanto, o que temos pensado facer é reducir os gastos en cousas que non son imprescindibles e ampliar os presupostos que destinamos ao ensino e o benestar social. As taxas que pagamos os veciños e veciñas van a conxelarse, dado que o IPC que é polo que nos reximos aumentou só un 0,1 %. Este non é un bo momento para pensar en facer grandes investimentos pero si para pensar no benestar dos veciños e veciñas.

TEGA: Hai un mes celebrabamos a xa tradicional Festa do Río en Pedroso, como festa final ás presentacións dos candidatos e candidatas que se estiveron levando de parroquia en parroquia, por que este formato?  Que aporta a Festa do Río a unha organización política como TEGA? 

José Manuel Blanco: Como o seu nome o indica é unha Festa que levamos a cabo dende hai moitos anos. Nun inicio eramos moita menos xente pero según foi medrando o proxecto íamos sumando máis simpatizantes ata o número máximo que acadamos este ano: máis de 700 persoas! É unha maneira de mostrar a unión entre a política e a veciñanza, e pasar unha xornada agradable. Eso sí: sen esquecer loxicamente a política. Este ano servíunos para a presentación dos candidatos e candidatas de cara as próximas Eleccións Municipais do 2015

TEGA: Que buscades coas novas incorporacións? Que valores aportan á candidatura? 

José Manuel Blanco: O obxectivo principal é rexuvenecer a candidatura e preparar o futuro político de TEGA. A xente que incorporamos procede toda do movemento asociativo de diferentes tipos: asociacións de veciños, deportivas, culturais, ampas….Eso si, acompañados e reforzados con persoas máis veteranas. Trátase dun bo grupo de traballo, que combina a enerxía e o esforzo de moitas das persoas que transformaron Narón nestes anos e se preocuparon, e preocuparán, por ter un concello cada día mellor.

TEGA: Narón superou xa os 40000 habitantes, que ten Narón que atrae á poboación en maior medida que outros concellos limítrofes?

José Manuel Blanco: Como Narón é unha cidade en construcción ten a vantaxe de que xa conta coas infraestruturas que non existen noutros lugares, novos servizos que se incorporan continuamente e que a xente valora. Cando unha familia vén a un Concello valora a calidade e o prezo da vivenda, pero tamén os servizos cos que conta: colexios, gardarías, actividades culturais e deportivas, zonas verdes, parques, comunicacións…En Narón hoxe en día estes servizos son moitos e de gran calidade.

TEGA: Que prioriza TEGA na súa política municipal? Que aspectos son os que máis se están coidando?

José Manuel Blanco: Como decimos nós, Terra Galega prioriza os catro “pés”: os Nenos, os Maiores, a Cultura e o Deporte. Estas catro áreas teñen que estar a disposición de todo o mundo independiente do seu nivel de vida, parécenos fundamental sobre todos nestes últimos tempos.

TEGA: Terra Galega Narón escóllete como candidato as próximas Eleccións Municipais, cales serán as vosas liñas de traballo? 

José Manuel Blanco: Queremos seguir co que xa está iniciado. Por exemplo, consolidar o centro urbano e acadar novas melloras nas comunicacións, moi necesarias entre A Solaina, A Gándara e Freixeiro de xeito tal que se convirtan nunha única zona urbana e que non sexan tres diferenciadas como están neste momento. Outro obxectivo será acadar un novo Centro de Saúde e o remate integral do Saneamento da Ría. Pero o que máis nos preocupa é reducir o desemprego: é un traballo conxunto de todas as administración e da sociedade en xeral. Terra Galega ten especial interese en apoiar a Formación Laboral e o Emprego, a través de cursos de especialización.