Unhas setecentas persoas acudirán este domingo á tradicional Festa do Río organizada por Terra Galega en Pedroso

mércores, 07/09/2016 - 08:41

Uns setecentos afiliados e simpatizantes de Terra Galega de Narón e concelleiros doutras localidades galegas daranse cita este domingo, día 11 de setembro, na Festa do Río que se celebra cada ano na área recreativa de Pedroso.

O secretario xeral de Terra Galega, Guillermo Sánchez Fojo, presidirá a convocatoria, na que participarán o alcalde naronés, José Manuel Blanco, a portavoz de TEGA no municipio, Marián Ferreiro e outros cargos do partido na localidade e en Galicia. A Executiva local do partido celebrou a última hora da tarde de onte unha xuntanza na que, entre outros asuntos, se perfilaron os detalles desta convocatoria.

A portavoz de Terra Galega en Narón será a encargada de iniciar o turno de intervencións, sobre as 14.00 horas, e tamén se dirixirá aos asistentes Sánchez Fojo. A continuación comezará a xornada festiva, coa actuación dun grupo musical, unha gran variedade de xogos tradicionais para menores e adultos e unha comida de confraternidade, sobre as 15.00 horas, baixo unha carpa instalada na área recreativa de Pedroso para a ocasión.

A Festa do Río de Terra Galega reúne cada ano en Narón a centos de afiliados e simpatizantes desta formación política, cunha dilatada traxectoria á fronte do goberno local tanto en Narón como noutros concellos galegos. “A nosa cidade é desde hai varios anos un referente a nivel de xestión non só na comarca, senón tamén en Galicia”, asegurou o secretario xeral de Terra Galega. “Somos un partido unido, formado por homes e mulleres implicados no desenvolvemento das cidades e vilas nas que vivimos e que valoramos o apoio que día a día nos brindan os veciños e veciñas”, destacou Sánchez Fojo. Na mesma liña se pronunciou a portavoz de Terra Galega en Narón, Marián Ferreiro, que ademais recordou que a Festa do Río “é unha excelente oportunidade para gozar dunha xornada de confraternidade con todas esas persoas que están ao noso lado, colaborando para que os concellos avancen día a día cara a un futuro esperanzador”.