Terra Galega reuniu onte en Pedroso a unhas setecentas persoas na celebración da tradicional Festa do Río

luns, 12/09/2016 - 10:36

Militantes e simpatizantes de Terra Galega acudiron onte á celebración da Festa do Río. Unhas setecentas persoas secundaron un ano máis esta tradicional convocatoria festiva e de convivencia que se desenvolve desde este mediodía na área recreativa de Pedroso, no municipio naronés. 

O secretario xeral de TEGA, Guillermo Sánchez Fojo; os alcaldes de Narón e Coristanco, José Manuel Blanco e Amancio Lavandeira, respectivamente, e a portavoz do partido en Narón, Marián Ferreiro, participaron nesta cita, á que tamén asistiron concelleiros da formación no municipio naronés e procedentes doutras localidades galegas e numerosos veciños e veciñas de Narón. 

A xornada comezou sobre as 13.30 horas, coa actuación dun grupo musical. Media hora máis tarde chegou o turno das intervencións da portavoz de TEGA en Narón e do secretario xeral do partido. Marián Ferreiro tomou a palabra para agradecer o masivo respaldo á Festa do Río, valorando o “apoio incondicional” dos participantes a esta convocatoria. “Esperamos cumprir nos vindeiros tres anos de goberno coas expectativas que despositastes no equipo de Terra Galega, un equipo formado por mulleres e homes que apostamos por Narón, un concello que  cada día se consolida como un referente a seguir, non só na comarca, senón tamén a nivel galego”, asegurou Ferreiro. Así mesmo, recordoulles aos veciños e veciñas que “como sempre, tedes abertas as portas do Concello para colaborar con nós desde os vosos barrios e parroquias” e subliñou que “a confianza que depositades en nós cando a ocasión o precisa é o que fai que este concello siga avanzando cada día”. 

A continuación tomou a palabra o secretario xeral de TEGA, Guillermo Sánchez Fojo, que aludiu ás eleccións que se celebrarán o vindeiro día 25 en Galicia, incidindo en que Terra Galega considerou oportuno non participar nestes comicios autonómicos. Unha vez adoitada a decisión de non participar activamente nesta campaña, desde TEGA, asegurou Sánchez Fojo, “o que si vos queremos pedir é que votedes en conciencia e por aqueles partidos que mirarán polo noso país, por Galicia, porque todo o demais que vos veñan contando desde Madrid e desde outros lugares é so para fornecerse os partidos que non pensan nos veciños e nas veciñas de Galicia”.

Finalizadas as intervencións, deu comezo o xantar popular baixo unha gran carpa, sobre as 15.00 horas e, xa pola tarde, continúa a festa con máis música e con xogos tradicionais para menores e adultos.

Os nenos e nenas gozan tamén durante toda a xornada cos inchables instalados nas inmediacións da carpa. A xornada festiva prolongarase ata última hora da tarde, como xa é habitual cada ano na Festa do Río de Terra Galega.